Pasar al contenido principal

Cara a unha nova xestión do PET

Equipo multidisciplinar do NextPET na reunión de arranque do proxecto (De esq a dereita): Adrián López, Almudena Hospido, Sabela Balboa, Brais Vázquez, Gemma Eibes, Natalia Barreiro e Jose Martínez Costas. FOTO: CRETUS
Equipo multidisciplinar do NextPET na reunión de arranque do proxecto (De esq a dereita): Adrián López, Almudena Hospido, Sabela Balboa, Brais Vázquez, Gemma Eibes, Natalia Barreiro e Jose Martínez Costas. FOTO: CRETUS
Arranca no CRETUS o proxecto NextPET, que busca transformar o modelo actual de xestión dun dos residuos plásticos máis xerados no mundo
Santiago de Compostela

Un equipo multidisciplinar liderado polas profesoras da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e investigadoras de CRETUS da USC Almudena Hospido e Gemma Eibes, en estreita colaboración co persoal investigador do CIQUS, arranca estes días o proxecto NextPET. A desenvolver nos vindeiros 3 anos, a iniciativa combina a biotecnoloxía, a microbioloxía e a enxeñaría química con metodoloxías avanzadas de avaliación ambiental para transformar o modelo de xestión actual do PET, especialmente dos envases e embalaxes.

A xestión de residuos converteuse nun dos grandes desafíos ambientais a nivel mundial, cun impacto especialmente crítico no caso dos plásticos. Cada ano xéranse millóns de toneladas deste material e soamente unha fracción se recicla de forma efectiva. A necesidade de sistemas máis eficientes, sustentables e innovadores para tratar e valorizar os residuos plásticos, como o PET, faise cada vez máis urxente.

O obxectivo do proxecto que agora comeza é validar e escalar un proceso innovador de bio-upcycling que permite degradar encimaticamente os residuos de bandexas de PET posconsumo mediante o emprego dun encima encapsulado de alta eficiencia, e posteriormente converter os monómeros resultantes a polihidroxialcanoatos (PHA), uns bioplásticos biodegradables con alto valor engadido. Ademais, co emprego de ferramentas cuantitativas como a análise do ciclo de vida prospectivo (pLCA) e a avaliación do fluxo de materiais (MFA) van estudar en profundidade a viabilidade do proceso a escala rexional e nacional e apoiar o seu papel como catalizador do cambio na transición cara a unha economía circular.

NextPET (Integración da validación de procesos, análise do fluxo de materiais e ciclo de vida prospectivo para impulsar a valorización biotecnolóxica en cascada do PET) ofrece deste xeito unha alternativa verde e escalable á reciclaxe química ou mecánica tradicional e contribúe a avanzar cara a solucións científicas e tecnolóxicas para este crecente desafío ambiental. Os seus resultados serán clave para orientar as políticas públicas, apoiar a toma de decisións na industria da reciclaxe e promover a adopción de tecnoloxías emerxentes para a valorización sostible do PET.

NextPET reforza a posición de CRETUS como referente en tecnoloxías ambientais e bioprocesos innovadores, aliñándose cos obxectivos europeos de descarbonización e as prioridades do PEICTI 2024-2027 en economía circular e xestión de residuos. Esta nova proposta foi seleccionada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na convocatoria 2024 de axudas ‘Proxectos de Xeración de Coñecemento’.

Este Centro Singular suma así catro propostas seleccionadas polo Ministerio de Ciencia centradas en desenvolver estratexias innovadoras de economía circular, abordar retos fundamentais da biodiversidade e afrontar problemas ambientais emerxentes, que supoñen una captación de fondos de máis de 800.000 euros. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.12.2025.