Diana Santiago, nova secretaria xeral da USC
A profesora da área de Dereito Administrativo Diana Santiago Iglesias ocupará, dende este xoves 4, o cargo de secretaria xeral da Universidade de Santiago logo da renuncia da actual, Dulce María García Mella.
A que ata agora era a delegada do reitor para Racionalización e Calidade Normativa dedicou a súa carreira investigadora ao dereito local, servizos públicos, contratación administrativa e organización administrativa. Ten realizado diversas estancias en centros de referencia internacional e participou de forma ininterrompida, dende o comezo da súa carreira académica, en proxectos de investigación financiados a través de convocatorias públicas en réxime de concorrencia, tanto como investigadora principal como membro do equipo de investigación. É autora dos libros Las sociedades de economía mixta como forma de gestión de los servicios públicos locales e La jurisprudencia y su función en el ordenamiento jurídico administrativo.
Dulce María García Mella
Licenciada en Matemáticas e en Dereito pola USC, Dulce García Mella presentou a renuncia ao cargo como secretaria xeral motivada pola súa participación nunha das candidaturas que se presentan ás eleccións reitorais do próximo mes de febreiro. O reitor Antonio López agradécelle “todo o seu traballo ao longo destes anos” e deséxalle “a maior das sortes no futuro”.
Accedeu á USC como funcionaria de carreira en 1990 e dende aquela desempeñou diversos postos de xestión. Foi xefa da Sección de Control Interno e do Servizo de Planificación e Programación Docente e de Persoal Docente e Investigador, vicexerenta de Recursos Humanos e xerenta en funcións.