Pasar al contenido principal
  • Investigar

Un estudo internacional subliña o valor clínico das tomografías PET de tau para o diagnóstico e prognóstico do alzhéimer

Equipo do CiMUS e do IDIS responsable do estudo
Equipo do CiMUS e do IDIS responsable do estudo
Esta técnica, froito da sinerxía entre o CiMUS da USC e o IDIS, permite non só detectar a patoloxía no cerebro, senón tamén identificar con maior precisión que persoas están realmente en risco de desenvolver demencia

Os escáneres de tau PET poderían transformar o diagnóstico e prognóstico da enfermidade de Alzheimer, segundo un novo estudo internacional, cofinanciado con fondos europeos, liderado polo investigador Alexis Moscoso Rial, recentemente reincorporado ao departamento de Medicina Nuclear e ao Grupo de Imaxe Molecular do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), tras cinco anos de formación postdoutoral na Universidade de Gotemburgo. O traballo, publicado recentemente na revista JAMA, analizou imaxes de 6.514 participantes de 13 países e demostra que esta técnica permite non só detectar a patoloxía tau no cerebro que define a enfermidade de Alzheimer, senón tamén identificar con maior precisión que persoas están realmente en risco de desenvolver demencia.

“As ferramentas de diagnóstico previas para a enfermidade de Alzheimer, como as tomografías por emisión de positróns (PET) de amiloide, as probas de líquido cefalorraquídeo e, máis recentemente, as análises de sangue, foron moi eficaces para detectar os primeiros cambios cerebrais asociados coa enfermidade", explica Alexis Moscoso. "O problema destas probas é que a miúdo lanzan resultados positivos mesmo en persoas que nunca chegan a desenvolver problemas de memoria. De feito, hai moitas persoas anciás sas que mostran resultados anormais nestas probas, e a gran maioría delas nunca experimentará demencia relacionada co Alzheimer”, engade.

Técnica máis precisa, máis fiable 

Fronte a esas limitacións, o PET de tau representa un avance importante. A tau é unha proteína que forma parte do citoesqueleto neuronal e que, na enfermidade de Alzheimer, adopta conformacións anómalas e forma agregados patolóxicos. O PET de tau permite visualizar in vivo estes depósitos, ofrecendo unha medida directa da patoloxía tau cerebral. “Os escáneres de PET tau son diferentes. Permítennos identificar non só a quen ten signos patolóxicos de Alzheimer no cerebro, senón tamén a quen está realmente en risco de desenvolver perda de memoria e demencia. Isto representa un gran logro, xa que ata o de agora non contabamos cunha proba que conectase claramente os cambios no cerebro con síntomas reais. O PET de tau finalmente axuda a pechar esa brecha”, explican. Os resultados subliñan o potencial do PET de tau como biomarcador clave para estadificar a enfermidade, guiar decisións clínicas e optimizar o deseño de ensaios terapéuticos. A capacidade de distinguir entre persoas con patoloxía cerebral pero sen risco clínico e aquelas con alta probabilidade de progresión podería evitar tratamentos innecesarios e centrar os esforzos terapéuticos onde máis se necesitan.

Ensaio clínico liderado desde o CHUS 

O valor do PET de tau noutro conxunto de enfermidades neurodexenerativas coñecidas como taupatías poderá evidenciarse ademais nun ensaio clínico, recentemente autorizado polo Comité de Ética e a Axencia Española do Medicamento, que estará liderado pola xefa de Servizo de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Virginia Pubul e cuxa coordinación estará a cargo do neurólogo Anxo M. Minguillón. Nel realizaranse estudos PET cun novo radiofármaco tau nun grupo de pacientes de toda Galicia con diferentes tipos de taupatías. Ademais do propio CHUS, entre os centros participantes atópanse o CHUAC, o Hospital Álvaro Cunqueiro, o CHU de Pontevedra, o Hospital Lucus Augusti e o CHU de Ourense.

O obxectivo principal do ensaio é avaliar se un novo radiotrazador PET de tau permite monitorizar a progresión da acumulación desta proteína nos pacientes, o que supoñería un importante avance para valorar a eficacia de futuras terapias dirixidas ás tauopatías. Este proxecto representa un esforzo multidisciplinar e loxístico de gran envergadura, que inclúe a produción e transporte de radiofármacos desde Barcelona e Madrid, o recrutamento de pacientes en distintos hospitais galegos, a realización das exploracións PET avanzadas no Servizo de Medicina Nuclear do CHUS e, finalmente, a análise dos datos por parte do Grupo de Imaxe Molecular do IDIS, integrado por Alexis Moscoso Rial e Pablo Aguiar. Neste ensaio colaborarán tamén o servizo de Neuroloxía do CHUS (liderado polo seu xefe de Servizo, o doutor Prieto) e a sección de neurorradiología do servizo de Radiodiagnóstico (cos doutores Mosqueira e Blanco). O estudo conta con financiamento externo completo procedente de ZRO Imaging, unha empresa implicada no desenvolvemento e avaliación de novas técnicas de imaxe para enfermidades neurodexenerativas. A obtención deste financiamento internacional para un proxecto de tal magnitude reflicte unha aposta clara pola capacidade do sistema público de saúde de Galicia, SERGAS, para executar ensaios clínicos de primeiro nivel no ámbito das enfermidades neurodexenerativas. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.12.2025.