Skip to main content

Proxecto Troya, a aposta do Campus de Lugo para que o mercado laboral non sexa excluínte e poña en valor a diversidade

Acto de entrega de diplomas ao estudantado participante
Acto de entrega de diplomas ao estudantado participante
A Facultade de ADE acolleu o acto de clausura desta iniciativa que formou estudantado para que sexa capaz de empregarse, demostrando e difundindo a súa capacidade e competencia
Lugo

A Aula TIC Pemes da Universidade de Santiago de Compostela continúa fomentando a empregabilidade de determinados colectivos en risco de exclusión social a través de iniciativas como o proxecto Troya. O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López, presidiu este martes 2, o acto de clausura deste curso para o desenvolvemento de habilidades empresariais dirixido a persoas con síndrome de down e discapacidade intelectual que chega á súa fin logo de fomentar as competencias profesionais de case unha decena de participantes.

O acto que tivo lugar no Salón de Graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, contou tamén coa intervención de M. Ángeles López-Cabarcos, directora da Aula TIC-PEMEs; M. José Blanco Freire, presidenta da Asociación Síndrome de Down Lugo; e do deputado provincial Pablo Rivera Capón. A estudante Alba Abuín Prado interviu en representación do resto do estudantado.

“As persoas con discapacidade conforman un grupo moi heteroxéneo, con casuísticas e problemáticas moi diferentes segundo o tipo de discapacidade, pero todas elas teñen algo en común: adoitan necesitar axudas e apoios para participar en todos os ámbitos da vida en igualdade de condicións que o resto da poboación”, explicou a profesora de ADE, M. Ángeles López-Cabarcos. Un dos principais obxectivos que persegue a iniciativa é que o mercado de traballo deixe de ser un espazo excluínte para converterse nun ámbito onde as persoas con discapacidades poidan exercer o seu dereito para empregarse en calquera novo posto de traballo xerado, demostrando e difundindo a súa capacidade e competencia como persoas traballadoras.

“As melloras na formación, na cualificación e os avances a nivel tecnolóxico son aspectos que hai que ter moi en conta para garantir as posibilidades de adaptación das persoas con discapacidade a unha contorna tan cambiante como é o ámbito do traballo”, engade López Cabarcos. Así, dende o 23 de setembro, data de inicio do proxecto, e co apoio do propio estudantado da Facultade, as nove persoas inscritas recibiron formación en ámbitos como a organización de empresas, comercialización e márketing, finanzas empresariais, contabilidade empresarial, TICs para a xestión empresarial, currículo e marca persoal, ou o vínculo entre discapacidade e mercado laboral. 
 

Foto de familia do proxecto
Foto de familia do proxecto
The contents of this page were updated on 12.03.2025.