A partir do curso 2024-2025 cada hora lectiva que o profesorado da USC imparta en galego dentro dunha materia vaise recoñecer con 0,2 horas docentes equivalentes -HDE- na programación académica do curso seguinte.
Así se recolle no Regulamento de planificación académica (Anexo I, apartado 1.ñ). Neste espazo imos explicar que implica ese recoñecemento para o profesorado, que requisitos hai que cumprir para ter dereito a el e como pode facerse efectivo.
E, por se isto pode ser o pequeno empurrón que outras e outros docentes estaban agardando para incorporarse á docencia en galego, ofrecemos tamén consellos e servizos para acompañalos nese cambio.
Son unha forma que a Universidade estableceu para recoñecer a dedicación a determinadas actividades docentes, investigadoras ou de xestión por parte do PDI a tempo completo e do profesorado substituto a tempo parcial.
As HDE permiten reducir a cantidade de horas lectivas que un/unha docente debe impartir, sempre que a súa área de coñecemento poida asumir igualmente a docencia que a Universidade lle asignou na planificación docente anual.
Cada departamento ou área de coñecemento establece a forma en que estas HDE se recoñecen en función da súa encarga docente e da dispoñibilidade do seu profesorado.
No caso de que as reducións non se poidan aplicar integramente, farase unha minoración proporcional a todo o PDI da área de coñecemento que acredite HDE.
A partir do curso 2026-2027, desaparecen as limitacións que o Regulamento de planificación académica establecía antes da súa modificación do 28 de novembro de 2025. Deste xeito, cada hora lectiva impartida en galego vaise recoñecer con 0,2 HDE, sen ningún requirimento complementario.
As HDE recoñecidas por docencia en galego deben constar de oficio na ficha de cada profesora ou profesor, polo que en principio, non hai que realizar ningún trámite específico para incluílas.
Pero ao tratarse dun recoñecemento novo é aconsellable que cada docente revise as horas que se lle recoñecen para asegurarse de que a súa docencia en galego se inclúe no cómputo.
Esa revisión debe facerse no período establecido no Calendario de planificación académica anual (para o curso 2026-27, entre o 10 de marzo e o 1 de abril), que establece que "os departamentos procederán á revisión das fichas do seu profesorado e, de ser o caso, á introdución de datos".